lunes, 26 de marzo de 2012

X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos.



Cardiff/Caerdydd (Reino Unido),
12–14 de setembro de 2012.

GALIZA ALÉN DO ARCO ATLÁNTICO: UNHA VISIÓN MULTIDISCIPLINAR DOS ESTUDOS GALEGOS

Nas máis de tres décadas de existencia da AIEG, os estudos galegos viñeron a consolidarse como supradisciplina na que cada vez atopan acubillo máis eidos do saber. Nunha realidade social cada vez máis complexa e cambiante, a variedade de puntos de vista, ferramentas e discursos son necesarios para acadar novas formas de pensar ‘Galiza’. Esta visión multidisciplinar vén propiciando colaboracións entre o ámbito académico, cultural, político e social radicado en Galiza con colegas que desenvolven o seu labor noutros recantos do planeta, moitas veces albiscando puntos de conexión e fricción entre distintas nacións subestatais e periféricas.
Aproveitando o marco da capital galesa de Caerdydd (Cardiff, no seu nome en inglés), o X Congreso da AIEG “Galiza alén do Arco Atlántico: unha visión multidisciplinar dos estudos galegos“ busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo tematicamente transversais e interdisciplinarias sobre Galiza no contexto do Arco Atlántico, mais tamén facéndose extensíbeis a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral.

ÁMBITOS TEMÁTICOS E LIÑAS DE ESTUDO
O X Congreso da AIEG persegue converterse en plataforma desde a que facer un balance do estado dos estudos académicos internacionais e galegos sobre todo tipo de temáticas e liñas de estudo relacionadas con Galiza, de xeito que encete un diálogo entre aqueles traballos realizados por especialistas provenientes de fóra do país, con aqueloutros desenvolvidos dentro do sistema académico e científico galego.
O primeiro obxectivo do X Congreso da AIEG é contribuír ao proceso de apertura dos estudos galegos a novas áreas de coñecemento, de xeito que xunto á reflexión sobre temáticas máis tradicionais como a literatura, a historia ou a lingua galega, se potencie a presenza de disciplinas e perspectivas de análise de incorporación máis recente aos estudos galegos. É por iso que se lle dará benvida a ámbitos temáticos como:
Dereito, economía, política, filosofía, socioloxía, educación, arquitectura, belas artes, audiovisual, artes plásticas, deportes, turismo, musicoloxía, historia da arte, estudos culturais, estudos de tradución, antropoloxía, etnografía, gastronomía, ciencias da comunicación, tecnoloxías da información, ciencias da saúde, ciencias naturais e ecoloxismo, teoría feminista, estudos de xénero, estudos queer, estudos poscoloniais e das minorías, literatura, historia e xeografía, lingüística e lingua galega.
O segundo obxectivo do X Congreso da AIEG é o de afondar na promoción cultural, intelectual e científica das identidades culturais/nacionais que comparten a franxa atlántica, identificando desafíos do presente e a proposta de estratexias coas que facerlles fronte. Máis especificamente, a localización do congreso en Cardiff/Caerdydd hase aproveitar para compartir metodoloxías e experiencias entre Gales e Galiza co propósito de destacar algunhas vías de xestión, mobilización e organización de proxectos en común, no marco dunha comparativa das experiencias das dúas nacións subestatais no contexto da Europa actual. En consecuencia, entre as liñas de estudo que se abordarán ao longo do congreso atópanse as seguintes:

• Os estudos galegos na confluencia interdisciplinar do século XXI
• Galiza no Arco Atlántico: desafíos para a promoción cultural das nacións subestatais no século XXI
• Gales e Galiza: paralelismos, diverxencias e retos de futuro.

Con todo, ao lado disto no X Congreso da AIEG terán cabida todo tipo de temáticas e liñas de estudo relacionadas con Galiza.


No hay comentarios:

Publicar un comentario